Thursday 25 de April de 2024

A Xunta apoia a promoción internacional dos produtos galegos coa súa participación na Feira Internacional Sial


O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, estivo presente neste certame e realizou un percorrido polos 3 stands da Consellería do Medio Rural e do Mar, para coñecer de primeira man os produtos galegos que alí se promocionaron

A Consellería do Medio Rural e do Mar impulsou a promoción internacional dos produtos galegos coa súa participación na feira internacional SIAL, celebrada en París. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, desprazouse ata este certame e fixo un percorrido polos stands para coñecer de primeira man os produtos galegos que alí se promocionaban, fundamentalmente os pertencentes á área de pesca.

A Consellería do Medio Rural e do Mar estivo presente nesta edición de SIAL con 3 stands de 340 metros cadrados, que acolleron e deron cobertura a un total de 23 expositores de empresas galegas pertencentes tanto ás áreas do rural como do mar.

Feira SIAL
A feira internacional SIAL existe dende 1964, é bienal e a ela asisten os axentes mundiais da industria agroalimentaria, a distribución e a restauración. Na pasada edición de 2012 a feira contou con máis de 6.300 expositores e superáronse os 150.000 visitantes. Esta edición tivo lugar entre o 19 e o 23 de outubro.